Centro de Saúde de Cotobade

AG_centro_saude_cotobade_enrique_rodriguez_2007

Como un miliario contemporáneo, o edificio atopase ao pé da estrada. Ten a rotundidade suficiente para marcar un fito territorial, un elemento colonizador. A colonización urbana dunha paisaxe rural. Ao vello mosaico agrario aínda presente superpónselle as formas da urbanidade que leva consigo as novas demandas dos habitantes. Nace o equipamento ao pé da estrada: centros comarcais, de saúde, campos de fútbol e piscinas, xorden entre rotondas. Neste caso á beira da N-541 agroma a urbanidade no magma do disperso.

 

As condicións de partida eran complexas. A parcela asignada polo SERGAS para a construción do centro de saúde atopábase nunha braña. Un prado que se anegaba periodicamente froito do paso dun regato afluente do Lérez. Na rica toponimia local xa se denominaba ao lugar como As Lagoas. Estaba situada nunha zona baixa, nunha pequena chaira do val. Unha parcela así nunca sería ocupada polos veciños polas malas condición do terreo. Pero a administración, seguindo o seu criterio de vista de paxaro, decide que era a parcela apropiada.

 

A estratexia pasa por reducir os puntos de contacto co chan, para minguar a pegada no terreo, aforrar en alicerces, e erguerse para afastarse da humidade do terreo. A estrutura vai ordenar toda a materia construída. Logo vai ser como chantar o edificio nun prado.

 

O arquitecto Enrique Rodríguez conta, orgulloso, como se planeou a estrutura. Co ton de autoridade que dá levar moitos anos dando clases de construción na escola de arquitectura, disponse cos dous brazos estendidos formando unha cruz recreando o esquema estrutural. Cada brazo representa as dúas robustas ás de formigón que se apoian no fuste central, que fincan profundo os pilotes ata acadar o firme do terreo. Busca o equilibrio do volume horizontal que albergará o programa no estreito apoio central, aportando peso. Como resultado deste esforzo aparecen uns espectaculares voos. Unha gran masa de formigón practicamente no ar.

 

Formalmente bebe da abstracción da tradición da arquitectura do Movemento Moderno. Traballa unha forma prismática de partida, modificando o volume mediante a subtracción de partes. Está sometido a un proceso de corte, onde se mutila o volume purista. Os planos de vidro e as fendas das consultas e entradas rompen a uniformidade, mais tamén a forma que semella segada. A caixa simula cortada polo plano inferior, tanto pola parte maciza como nos planos de vidro, que semella non ter remate. Apoiándose no ar. Remarcando a idea de obxecto macizo levitando sobre un campo anegado. A esta tradición internacional pódeselle sumar unha tradición galega, que enraíza na cultura do mundo agrario. Semella un hórreo. Unha caixa que serve para de almacenar o gran, enriba duns esveltos soportes que o separan da humidade do chan e dos roedores.

 

As fachadas déixanse co formigón cru como acabado. Tínguense de negro a cara oeste, os planos desprazados da entrada e o fuste de formigón do apoio. Os vidros de protección solar teñen un acabado escuro, e reflexa a luz, polo que funciona como espello durante o día. A fachada ten a vitalidade de ir cambiando co clima. Ao mollarse as caras de formigón gris escurece aproximándose ao ton do negro, mentres que o negro mollado obtén un acabado espellado, próximo aos vidros. As caras do obxecto van mudando cas condicións meteorolóxicas. O xogo de planos de texturas e cores, vaise completando cunha fachada máis, ademais da cuberta: a sexta fachada. Cando se anega a parcela, a auga acumulada crea unha poza que reflexa a sexta cara da caixa, a parte inferior. Coa memoria visual de cada usuario pode compor mentalmente as 6 caras do prisma, reforzando a idea de obxecto feito que se chanta na terra. Non sae da terra, se non que é alleo a ela e aterra alí.

 

É un estraño na paisaxe. É un volume prismático de formigón, rodeado de vivendas unifamiliares convencionais. Ten a pretensión de simbolizar a unha institución rodeado das formas do privado e do común, un estraño: a administración pública. Resulta como un artefacto, un obxecto tecnolóxico intencionadamente foráneo. Xera desconfianza nos veciños por anómalo, antes de acceder a el hai un paso crucial. Cando o paciente percorre o camiño de chegada pola beirarrúa e ten que dar un paso para ‘subir’ ao edificio. Hai uns instantes onde se atopa metaforicamente no ar entre dúos mundos, entre o rural e o urbano, entre o artesanal e o tecnolóxico, entre o doméstico e o público. Cambia de medio, entra noutro lugar sen saír do seu espazo habitual. Como cando se monta nunha embarcación, ou cando se sobe a un hórreo. Ese instante é especial, resaltase coa formalización do acceso como un peirao de formigón. Busca a ‘liña de flotación’ do edifico que permita aos usuarios subir.

 

A parcela non se urbaniza, deixase como braña. Tratase de intervir na menor medida no existente. A vexetación será a espontánea que naza na ribeira do regato. Só se ocupa a área de apoio do edificio, un pequeno aparcamento, o acceso e una peza máis. Unha ‘bañeira’ de formigón comunicada ao edificio mediante unhas escaleiras exteriores pode facer ás veces de área de xogo exterior vixiada para os nenos e nenas da pediatría.

A estrutura vai ser a orde que se impoña en tódalas fases da construción. Baixo ese aspecto masivo de formigón agocha unha esvelta estrutura de aceiro. Construiuse como unha gran gaiola metálica dividida en celas. A envolvente de formigón vaise encofrar empregando o aceiro como armadura. O armazón de aceiro funciona de forma bidireccional. Modulouse seguindo unha malla de 3×3.60 m. Todo o programa encaixouse como múltiplos desa cuadrícula. De forma que unha consulta son 2 cuadrículas (6×3.60 m), as zonas de espera teñen de ancho 2 cuadrículas (6 m), a aula de formación son 6 cuadrículas (9×7.20 m) e o recibidor–distribuidor 10 cuadrículas (15×7.20 m). Para a montaxe en obra, trouxéronse os nós montados de taller e colocáronse os pórticos na orientación leste-oeste ao que posteriormente se aparafusaron os da orientación norte-sur. Para a unión solidaria da estrutura os elementos horizontais terán que respostar ao comportamento dunha gran viga en voo. Ao forxado inferior, que soporta compresión, únese mediante unha lousa de formigón resistente. Para o forxado superior, sometido a tracción, unha chapa lisa é suficiente.

 

A complexa gaiola estrutural integrase na arquitectura formando parte da compartimentación. A ríxida modulación estrutural non é perceptible dende o interior. As triangulacións quedan ocultas tras dos paneis. Os piares con sección en aspa aparecen como soporte dos paneis ou naturalmente no medio das estancias de espera. O pavimento continuo, os acabados lisos de taboleiros de alta densidade en cores claras dánlle unha gran luminosidade. O formigón negro e gris ten un reverso luminoso. Os grandes ocos enchen de luz matizada as zonas de espera. Esta luz, en determinadas épocas do ano, ven acompañada de calor e obtéñense unhas altas temperaturas no interior. Existe un estado mutuo de incomprensión entre o sistema de ventilación natural que argumenta o arquitecto e o comportamento dos usuarios.

 

Os centros de saúde convertéronse nunha mostraxe de arquitectura contemporánea. Neste caso unha peza elegante e sobria que entra violentamente nun espazo organicamente humanizado por unha cultura ancestral e en conflito coa ideoloxía urbana. Mostra outras maneiras respectuosas de actuar no territorio. A vivenda tradicional, o prisma de formigón que levita, a vivenda folclórica, o galpón de fibrocemento, a parada de bus da deputación ou o peche de somier: a nosa paisaxe aturao todo.

 

Authors

Related posts

Top