Centro de Saúde de Os Mallos

Centro de Saude de Os Mallos | Adrian Capelo

O Centro de Saúde de Os Mallos, proxectado por Alberto Noguerol e Pilar Díez, atópase nunha parcela na intersección do barrio dos Mallos, o polígono industrial de Agrela e a antiga aldea de Vioño. Vioño urbanizarase nos anos previos á crise cunha ringleira de edificios de vivendas adherida a Avenida de Arteixo e a Ronda de Outeiro (ambas deseñadas para un tráfico rodado denso e moi deshumanizadas) e un parque artificioso entre o polígono industrial e as traseiras deses edificios.

 

Exposto a un exterior agresivo, o centro de saúde nace cun carácter introvertido e ábrese a tres patios axardinados. O edificio é un ortoedro de formigón armado en planta baixa, que contrasta cos edificios próximos de oito plantas, e marca máis o seu illamento ó alzarse sobre un pequeno plinto. Dunha retícula de 11×11 rectángulos subtráense tres bandas de 7×1 para facer os patios.

Centro de Saude de Os Mallos | Adrian Capelo

As consultas agrúpanse en torno ós dous patios laterais, liberando o resto da planta para salas de espera e circulacións con vinculación á luz natural e ós xardíns, humanizando un espazo no que se adoita estar tenso. A ese espazo libre chegase atravesando un vestíbulo que forma parte dun espazo servidor (administración, recepción, instalacións e aseos).

 

A entrada dalle as costas a Avenida de Arteixo intencionadamente para evitar os ruidos do tráfico e fomentar a interconexión entre os distintos tecidos urbanos. Márcase cun pequeno corpo na planta superior que alberga o posto de garda e unha aula que voa sobre o aparcamento. Trátase dun proxecto moi racional e claro, que ademais solventa diversos problemas urbanísticos.

Centro de Saude de Os Mallos | Adrian Capelo

Responde a un esquema funcional claro, mais non perde o carácter introvertido que o protexe do exterior. A relación cos patios é a clave do aspecto humanizador xa que tanto dende as salas de espera coma dende as consultas hai visión directa ós xardíns, que serven de vía de escape a emocións traumáticas e esperas inesgotables. Unha serie de matices amortecen a severidade propia dun esquema funcional, como por exemplo a sala de pediatría, nun dos corredores laterais, cunha porción do pavimento que cambia de cerámica a madeira e delimitada por un aseo irregular que se marca na fachada como unha pirita nunha lousa.

 

Sitúase no centro dun conxunto de catro equipamentos no límite da cidade –xunto co estadio de Agrela, o parque de Vioño e o centro cívico dos Mallos– e interconecta os tecidos urbanos de tres maneiras: sendo un elemento exento segue a pauta de planta rectangular adherida á Avenida de Arteixo, pero marca unha referencia visual cun cambio drástico na sección, un vacío na ringleira; esa singularidade reforzase porque aínda que se utilizan os mesmos materiais que na maioria de edificios da zona –formigón e vidro–, contrasta a linguaxe moderna e desornamentada do centro de saúde e a amalgama post-moderna e ecléctica do resto; e o feito de que a fachada principal dé á Avenida de Arteixo pero que o acceso estea na fachada oposta, establece un fluxo entre tecidos urbanos en torno a esa referencia visual.

Arquitectura de Galicia | Centro de Saúde de Os Mallos

Centro de Saúde de Os Mallos | Alberto Noguerol e Pilar Díez

Related posts

Top