Entrevista: Antonio Amado, profesional e docente (II)

Entrevista Antonio Amado

Seguimos ca entrevista a Antonio Amado, despois da primera parte relacionada con como é el e como ve a arquitectura, nesta segunda vámonos centrar noutras cousas.

 

Parte 2: Situación da arquitectura

  • Cal crees que é o estado da arquitectura actual?

En xeral, estamos nunha época ecléctica e un tanto frívola, como en case todo o relacionado coa cultura desde que os medios de comunicación distorsionaron todo. Case todo vale sen demasiado criterio nin discusión e os edificios só parecen ter valor cando saen publicados nalgún sitio. Polo que moitos arquitectos parecen proxectar para a foto. As revistas vense substituídas por “blogs” nos que as imaxes sono todo (en realidade, moitas delas parecen “blogs” en papel). Case non se publican planos e unha obra cuxo mérito -non menos importante- pode ser simplemente estar ben resolta e ser discreta, non se valora como outras rechamantes ou impactantes, incluso os estudantes do PFC sábeno. Por outra banda, hai moitos máis arquitectos que poderían dedicarlle moito tempo a un só proxecto, de xeito artesanal, pero non teñen traballo.

  • Sabemos que estamos en tempos difíciles, que camiños alternativos existen sen saírse da arquitectura, aínda que non sexa proxectar?

O prioritario agora mesmo para os arquitectos é “comer quente todos os días” e cada un búscase a vida o mellor que pode. Vivir da arquitectura case pasou á historia. ¿Alternativas?, para iso a formación recibida é variada e de calidade. O arquitecto de aquí ten capacidade para adaptarse a moitas outras disciplinas, sobre todo as relacionadas co deseño ou as artes e desde logo unha capacidade de traballo brutal que non é habitual noutras carreiras. Falei con antigos alumnos que se están dedicando a profesións moi variadas e todos din que lles veu moi ben a formación recibida. En moitos casos aseguran que volverían estudar arquitectura aínda que non se dedicasen a proxectar edificios.

Entrevista Antonio Amado | Albergue de peregrinos de Redondela

  • Sendo difícil construír, existe algún xeito na que poderiamos mellorar a arquitectura?

En qué poderiamos mellorar a arquitectura os arquitectos. Se nos deixan, xa sería moito que nos enfrontásemos aos proxectos con honestidade e responsabilidade, resolvendo os problemas segundo as capacidades de cada un e sen foguetes artificiais.

  • Hai algunha esperanza de cambio da situación real?

A crise económica, aos que temos que ver coa construción, estanos afectando máis que a ninguén, non se me ocorren profesións máis danadas. Supoño que algún día cambiará a cousa, xa sabemos que son ciclos, o problema é saber cando e como chegaremos a ese momento. Desde logo non mellorará nada a curto prazo, e ademais, teño moi claro que cando a situación mellore, nada vai ser o mesmo para nós nin para a arquitectura. Por exemplo, vexo moi difícil que poidan sobrevivir estudos de arquitectura pequenos cun ou varios arquitectos como ata agora. Quizais os grandes “consultings” ou outros técnicos sexan os que acaparen o que era o noso ámbito. Non creo ser pesimista se digo que a realidade non está para botar foguetes, son todo problemas, coas atribucións, colexios, autónomos, seguros, etc. É coma se existise un plan secreto e sistemático de exterminio dos arquitectos.

Imaxen principal Flickr de Antonio Amado

Parte III

Related posts

Top