Entrevista: Antonio Amado, profesional e docente (III)

Entrevista Antonio Amado | Flickr

E xa temos o último apartado da nosa entrevista en tres pasos a Antonio Amado –aínda que esta leva un extra–, ao que outra vez lle queremos dalas gracias pola súa axuda.

 

Parte 3: A arquitectura en Galicia

  • En Galicia por fortuna temos unha escola de arquitectura, cal debería ser o motor da arquitectura, a escola ou o Colexio de Arquitectos? Realmente xa existe un motor da arquitectura en Galicia?

Sen dúbida, o motor da arquitectura -se te refires a xerar boa arquitectura para Galicia-, ten que ser a Escola e non o Colexio, que o apartaría dese debate. Bastante traballo ten con defender a profesión e os dereitos dos arquitectos ante tantos ataques como os que se están producindo. Durante anos apenas foi unha oficina de xestión con escasas e puntuais inquietudes culturais.

  • Falando de estilos, vense moitas cousas comúns dentro da nosa arquitectura, existe unha “maniera” galega, xa sexa por parte da escola ou polo Colexio de Arquitectos?

Non deixa de ser un tópico buscar denominadores comúns nun colectivo como o noso. Non teño moi claro que os haxa, si seica, a resposta ao medio xeográfico de Galicia, a un clima que non permite moitas alegrías, podería ir definindo aos poucos unha arquitectura máis contida que noutros lugares, pero é que a nosa arquitectura tradicional sempre foi máis ou menos así.

  • Cales son os puntos fortes da arquitectura galega?

Como puntos fortes da boa arquitectura galega vexo precisamente a súa adaptación a un medio xeográfico moi especial e difícil, tamén o tratar de resolver correctamente a construción, actitude necesaria para enfrontarse a un clima tan complicado. O feito de ter un patrimonio tan valioso e abundante non deixa de ser outro punto forte. Incluso a atomización dos estudos de arquitectura favoreceu moitas respostas diversas e válidas.

  • Cales son os puntos débiles da arquitectura galega?

Curiosamente, esa mesma atomización tamén pode ser un punto débil. Paréceme que outro é o tremendo deterioro que se produciu nos medios rurais e urbanos desde os anos sesenta. Cando vemos fotografías antigas de calquera lugar de Galicia, atopámonos con pobos marabillosos que se foron formando ao longo dos séculos, con sensatez e lóxica. Pero desde que apareceu o formigón armado, eses mesmos pobos foron literalmente arrasados. E con todo, non hai máis que achegarse a *sturias para ver que as cousas poden ser doutro xeito.

  • Que se debería mellorar na arquitectura galega?

Evidentemente deberíanse mellorar as figuras do planeamento e o control urbanístico, desenvolver a sensibilidade colectiva. Pero tamén sería imprescindible explicar por que a sociedade necesita aos arquitectos. Nese sentido, iniciativas como o “Proxecto Terra” ou as vosas son fundamentais. Os medios non adoitan contribuír, moitas veces o único que fan é frivolizar o noso traballo e xerar máis confusión.

 

Parte 4: Despedida

  • Ata aquí a entrevista, moitas grazas por contestarnos estas preguntas. Hai algo que queiras comentar a maiores?

Tendo en conta que estas preguntas viran ao redor da arquitectura galega, o seu presente e futuro, si me parece oportuno comentar -aínda que non se me preguntou-, que considero que temos moitos e moi bos arquitectos entre as últimas xeracións, xente apaixonada que fai francamente ben o seu traballo. Continuamente descubro pequenos edificios que non coñecía e que me chaman a atención pola súa calidade sen que coñeza aos seus autores. Ás veces trátase de primeiras obras de arquitectos que simplemente tiveron a mala sorte de dedicarse a isto nunha época nefasta. Non teñen a oportunidade de que se lles recoñeza o seu esforzo e interese e nin sequera en moitos casos teñen a posibilidade de seguir exercendo a súa profesión. A moitos non lles quedará máis remedio que dedicarse a outra cousa ou emigrar para traballar nalgún estudo estranxeiro que posiblemente explóteos. Todo isto, ademais de supoñer un desperdicio de talento para o país e un despilfarro do que todos puxemos para a súa formación, paréceme tremendamente inxusto e indignante.

  • Moitas gracias por todo Antonio

Imaxen principal Flickr de Antonio Amado

Parte I

Parte II

Related posts

Top