Feísmos I. Imbéciles e escuros.

AG_davila110613b_terça-feira, 11 de Junho de 2013
Luis Davila | O bichero | 2013

O pasado día 9 de setembro deuse a coñecer a vivenda galardoada do Premio Juana de Vega de arquitectura 2014: Casa Escribenta do arquitecto Emilio Rodríguez Blanco. A vivenda está situada próxima á aldea de Arderís, pertencente ao municipio de Oroso. A materialidade da obra, en palabras do propio autor está composta polos “materiales que construyen la casa son los mismos que han construido la arquitectura popular del rural, los galpones, las naves, los cerramientos de las fincas. Fungibles, de texturas profundas, cambiantes con el tiempo, con la edad esperando el musgo que los colonice, el liquen, el sol que los abrase o la lluvia que los ennegrezca”. Usou un bloque de formigón sen revestir, cubertas inclinadas de chapa metálica e varandas de malla metálica. E pensará o paisano da aldea de Arderís: ¿Pero non quedaramos en que o bloque de formigón non se podía usar? ¿As cubertas non tiñas que ser de tella? ¿Iso non é FEÍSMO?

EMILIO RODRIGUEZ BLANCO
Santos-Díez | BISimages

Ao paisano supoño que lle causará estupefacción, que logo de estar anos culpándoo por tódolos males da paisaxe, que chegue un arquitecto da Coruña e lle outorguen un premio por facer o que el facía antes, e lle dicían que estaba mal!

Vou tratar de facer un repaso, se son quen de expoñer algunhas ideas, aínda que este tema xa está moi tratado.

O goberno das palabras que exercen os medios de comunicación é tal, que pode introducir no vocabulario cotiá un neoloxismo con tanta facilidade, que a sociedade progresivamente o asimile como propio, cando é un termo de uso recente. Situaría a popularización desta palabra a finais da era Fraga Iribarne. O impulsor foi o xornal conservador La Voz de Galicia fundamentalmente. Conta tamén cunha entrada propia na Wikipedia en español, Feísmo (arquitectura gallega). No que da unha definición detallada do fenómeno, moi sintomático é que use “topónimos” como: Sanjenjo, Arteijo e La Coruña na mesma entrada. Así gradualmente a palabra “feísmo” emprégase como definición para cousas de natureza moi diferentes.

Profesionais dende diferentes campos trataron de analizalo, dentro do primeiro Foro do Feísmo, no ano 2004. Como mostra editouse a publicación Feísmo? Destruír un País. E na internet podedes ver os vídeos pertencentes ao segundo foro celebrado no 2007 como xa recordamos fai uns días. Pódese ver que no foro invitáronse a persoas non só galegas, dando conta que non é exclusivo do noso país. Se non que abrangue tamén ao norte de Portugal, ao que nos une moitos vínculos culturais, históricos e antropolóxicos. Compre entender que non é un fenómeno exclusivo, se non que responde a unha cultura compartida cos pobos que tiveron unhas condicións semellantes as nosas.

Dentro da edición dixital do xornal de Santiago Rey hai un álbum de fotos chamado “Chapuzas gallegas” onde recolle imaxes chistosas de esa manera de hacer tan propia de los gallegos…  iso é unha imbecilidade! Como mostra, na TV3 de Catalunya hai un programa que tamén, en ton de broma, mostra as “chapuzas” nas súas cidades, vilas e aldeas. Hai chapuzas en tódolos países. A gran diferenza é, que na TV3 móstrano como algo global, fan mofa do mal feito, ensinan partes da cidade chapuceiras, barrios, vilas, estradas e urbanizacións chapuceiras, onde se percibe que é algo independente do lugar. A chapuza está na forma de mal-facer. Na Voz de Galicia ten un contido perverso. E esas imaxes de La Voz son o que popularmente se entende por “feísmo”.

As imaxes das “Chapuzas gallegas” mostran na súa maioría lugares rurais ou de pequenas vilas. Non hai chapuzas no centro da Coruña ou de Vigo? O perverso é que non se está a rir das chapuzas, do feito en si, xa que só mostra unha parte. Para o xornal as chapuzas son só risibles cando se produce no rural. Esas imaxes son a mirada de superioridade moral do que se cree libre de ser xulgado. Así constrúe unha imaxe do rural como espazo pintoresco para o divertimento dos turistas. Facendo gala desa prepotencia de urbanita, do que vai ao campo como quen vai ao zoo. Cunha cámara de fotos na man disposto a capturar curiosidades. E trata ao seus habitantes como inferiores ou “bos salvaxes”. Esa é a ideoloxía que subxace na Voz de Galicia, a da burguesía urbana galega. Clase alienada, que habita un sentimento periférico de morriña constante a súa terra prometida: Madrid. Vive dentro da arcaica dicotomía simplista de cidade|rural, centro|periferia, listo|parvo, cidadán|pailán, bo-gusto|mal-gusto e rico|pobre. E aí reside gran parte do fenómeno, o contido clasista. E ben fácil rirse do pobres!

Cando se emborracha un rico,
cando se emborracha un rico:
Que gracioso está o señor-e!
Cando se emborracha un probe,
cando se emborracha un probe:
Todos lle chama borrachón-e!

Como cantaban os Diplomáticos de Montealto, as diferenzas sociais son as que categorizan as accións. Se o fai un pobre é “feísmo”, se o fai un rico, é unha excentricidade. Se fai unha vivenda un pobre como materias baratos é un cutre, se o fai un rico, é austeridade. Encher de formigón unha aldea é un atentado ao patrimonio; na cidade, é progreso. As nosas urbes están moi mal construídas e xestionadas. As maiores destrucións de patrimonio durante a historia producíronse nos espazos urbanos. Froito de tsunamis de ladrillo, as cidades fican deshumanizadas, pero é máis fácil rirse dos “de fóra”, do rural, dos que falan galego e dos que van á leira, dos probes. A Voz, mentres fai mofa do somier-peche e da bañeira-bebedoiro, non denuncias a especulación apupada polos bancos que a financian, nin as malas prácticas da administración que a subvenciona.

Entón, esa casa é feísmo ou non é?

Pois depende. Para o que se entende por popularmente por “feísmo” , vamos definir ao da Voz como “Feismo-Sabón”, non o sería. Ao ter a sinatura dun técnico, dalle autoridade suficiente para non ser desprezado. Será considerado como unha excentricidade, dun urbano que se adapta as costumes dos salvaxes locais. Pero ese mesmo pendello fora feito por un paisano coas súas propias mans, sería crucificado en vida como terrorista da paisaxe. Así de simple.

Tampouco vamos a negar que no noso país hai un conflito, entre o saber artesanal da arquitectura popular e a industrialización dos saberes construtivos. Pero este conflito non se pode circunscribir a un conflito estético. Feo ou bonito. O conflito é ético. Pero iso tratarei de abordalo nun segundo artigo.

O que hai que reclamar é unha nova definición para o termo “feísmo”. Desterrar do noso vocabulario a idea do “Feísmo-Sabón” culpabilizando ao rural de tódolos males. Mentres os urbanos fan e desfán a paisaxe ao seu antollo. Habería que construír unha conciencia colectiva do que é realmente feo, e que nos dana a todos. Un somier-peche para unha leira, non me parece un problema comparado con quilómetros de urbanizacións baleiras como hai en Miño. Sintonizo co que dixo Carlos Pita fai pouco en La Opinión. Os problemas reais do país son os que teñen que ser considerados “feísmo”. Urbanismo redactado para intereses particulares, permisividade a cambio de “mordidas”, sobreprezos  ou especulación. Todas esas cousas que poderíanse englobar dentro da idea de corrupción. Iso é o que considero que é feo e da noxo. O estado de podredume moral que estamos a padecer, é ao que eu lle chamaría “feísmo”.

O significado das palabras non pode quedar en mans dun xornal, nin de ningún medio de comunicación, é unha propiedade colectiva. O idioma e as palabras son un dos nosos bens comúns, non permitamos que os privaticen.

Authors

12 Comments

  1. CB said:

    A casa ocupa uns… 300? 400 metros cadrados? Ao fondo da imaxe está o verdadeiro feísmo de Galicia. Hectáreas e hectáreas de eucalipto. Dende Viveiro ata Tui. A mesma cor tódolos días, en todas partes, todo o ano. Adeus caducifolias, adeus carballo, castiñeiras, bidueiros, vexetación de ribeira. Deixando de lado o problema estético entre ter bosque autóctono ou ter monocultivo de eucalipto, as consecuencias ecolóxicas son brutais. O sotobosque do eucalipto son as mimosas, planta invasora, que impide que medren especies autóctonas coma fieitos, musgos, etc, sen falar da fauna… Queredes normativa de materiais autóctonos para as casas do rural? facede o mesmo coas especies que se permiten plantar, que esas si que afectan ao ecosistema.

  2. Xabier Villar said:

    Para min a casa, ainda que non me gusta nada, non merece a acusación a priori de “feísmo”. O que podería decantar a balanza sería coomo se integra no entorno; por exemplo, non me imaxino unha cousa así integrada nunha aldea de casa tradicionais de pedra e tella como abundan na comarca de Ordes. Eu son da comarca, precisamente dunha aldea destas, na que ademais hai un pazo do século XXVII, e pareceríame un sacrilexio algo así. Sen embargo a uns 300 metros hai outro núcleos con casa non tradicionais onde podería integrarse.

    Agora, hai unha cousa pola que non paso: o cerrado de bloque é propio dunha cuadra. Poñas onde poñas a casa.

  3. AR said:

    Concordo co comentario anterior respecto da plaga dos eucaliptos. Pensade por un momento no que cambiaría a paisaxe galega se, non vou dicir en todas, pero en determinadas zonas, se eliminara esta árbore con semellante altura que ten. As liñas dos nosos montes serían moitísimo máis suaves.

    Por outra banda, centrándonos xa no artigo… noraboa, porque tocaches un tema ben interesante. Para min, o “chalé” en cuestión entra dentro do peor feísmo… Do feísmo con proxecto , do feísmo premiado , do feismo con cartos encadrado no medio de aldeas tradicionais, do loubado por paletos urbanitas ó que o arquitecto de turno lles conta a milonga de que o seu chalé-cubo é “lo más de lo más moderno”, feito con materiais “sostibles” da máis alta calidade (ó que tempo despois lle saen goteiras)… e que incluso, se se fixan ben… pero ben, ben…. ten a feitura dun pazo ou dunha casona labrega galega… “y se lo creen”. Proxectos coma estes non deberían estar permitidos ou, alomenos, deberían ser confinados fóra dos nucleos rurais, en lugares onde non choquen co resto das construccións. Estou farto de ver caixas de zapatos de formigón ou forradas de madeira no medio ou rodeando as nosas aldeas. Eu non son entendido en arquitectura, así que pode que sexan a host* en deseño moderno e funcional e todo o que se queira. Pero, vendo as cousas con algo de proxección de futuro, creo que de aquí a uns anos nos imos preguntar quen carall* puido permitir faer algo así nun núcleo tradicional… habendo centos de casas para restaurar nas que os arquitectos poden, igualmente, desenvolver o seu mellor labor creativo.

  4. Omar Ro.Ma. said:

    Creo que lo que llaman “feismo”, y como lo entendemos muchos que lo hacemos, se resume muy bien en la viñeta de Luis Dávila, que es reutilizar un elemento para otro posible uso. Por tanto será feo o bonito en función de la persona, pero nadie puede discutir su funcionalidad. Querría ver que ocurriría, si un artista contemporáneo colocara un somier en medio del campo, y los críticos los avalaran, ¿no sería feismo? no como bien remarca Iago con os Diplomáticos de Monte Alto. Creo que el “feismo” grave está en lo que denuncia el colectivo http://www.nacionrotonda.com desde su página web, pero eso supuestamente no tiene ese concepto como nombre.

  5. Iago López said:

    Paréce-me una casa interesante e custa-me crer que un paisano puidese facer “o mesmo” e entender una crítica tan furibunda habendo tanto adefesio (tanto popular como “de desño”) por ahí adiante. Véxo-lle certa inspiración da arquitectura doo norte de Europa que non abunda no imaxinario popular galego. E en canto á critica ao uso do bloque de formigón, pensó que os materiais non son o fundamental para converter algo en “feísmo”, como demostran tantos e tantos narcopazos alicatados de granito ate as orellas.
    Saúdos,
    Iago López

  6. CB said:

    Da medo ver canto nostálxico hai, incluso entre os propios arquitectos. O único que ten que seguir a estética do rural é o tipo/a que deseña a casa, porque o resto….. os enxeñeiros de camiños veña a meter asfalto (un material moi tradicional) e a facer pontes por onde lles saia máis barato, os de fenosa veña a levantar liñas de alta tensión (total, a penas se ven), os da telefónica a levantar postes cada 20 metros cuns cables ben bonitos… pero o señor arquitecto que pase polo aro e faga unha casiña de pedra!
    Faime gracia ver cómo algúns se laian da perda de identidade do rural que supón unha casa como a que vemos na foto… nostálxicos de breogán! hai que facer as casas ao estilo tradicional… e os vosos teléfonos? son tradicionais? aceptades a modernidade do Smartphone en lugar das canles tradicionais e identitarias de comunicación? aceptades a modernidade dos coches en lugar do vehículo tradicional de carro de bois? aceptades a modernidade do asfalto en lugar do camino de terra tradicional? aceptades a modernidade da electricidade nas casas se ata fai 80 anos en lugar de impoñer o uso do hipertradicional e identitario CANDIL??? hipócritas da nostalxia, perdoade que suba o tono un puco. A casa da imaxe custa 100.000 euros (está publicado o orzamento) e a cambio os propietarios teñen unha casa con luz, con amplos espazos, unha casa como lles deu a gana facer, adaptada aos seus requerimentos… por qué diantre non van a facela así?? poque non pega co rural? por favor, a xente do rural morre por que lle leven electricidade, saneamento, asfalto, centros médicos, piscinas municipais… e ben que fan! o rural é un sistema produtivo que xa non existe (cita de Manuel Gallego). O arquitecto, grazas a moitos anos de carreira universitaria, terá que saber cómo afrontar cada proxecto específico para respetar a historia, paisaxe e condicionantes do lugar, ademáis de cumplir as esixencias dos clientes e unha chea de normativa, non veñades vós nostálxicos da hipocresía a decirlle como ten que proxectar.
    Amparádesvos en frases dos Diplomáticos (un grupo ao cal lle teño moita estima) para defender a tradición.. pero amigos… os diplomáticos tamén tocan baixo, batería, guitarra eléctrica e saxofón. que m* de tradición é esa?? eles fixeron a música que lles deu a gana.. un estilo, o bravú, que non existía antes deles… aceptades que eles creen cousas novas, pero o señor arquitecto que pase polo aro. Derribade a torre Eiffel, que non sigue ninguna tradición, derribade as casas de Gaudí, a villa Saboye, queimade os cuadros de Picasso, os libros de Asimov, e tirade abaixo a catedral porque non está en escala co entorno…

  7. AR said:

    Os nosos comentarios pareceranche hipócritas… pero os teus supuran demagoxia. Repito: cada cousa no seu sitio, e máis se se trata de obras que están feitas (supostamente) para durar. Levamos deixando cadaquen facer a casa como queira durante moitos anos, gasten nela 500.000.-€ ou 15.000.-€, e así temos a paisaxe que temos e se botan abaixo (aínda hoxe en día) construccións emblemáticas e tradicionais para levantar auténticos adefesios moi modernos, si, pero que non son axeitados á zona na que se constrúen (ó lado mesmo da miña casa, sen ir máis lonxe). Envexa me da cando viaxo a Inglaterra, Holanda, Bélxica… e vexo que alí iso, por sorte, non sucede. Ah! Por certo…! E teñen luz, teléfonos e coches modernos, internet, calefacción nas casas, rúas ben asfaltadas… e todas esas cousas dos hipócritas que compaxinan a conservación da fisonomía tradicional das súas vilas e aldeas coa modernidade, sen caer en aberracións urbanísticas.

    • Carlos said:

      AR, quitáchemo da punta da lingua, eu estaba a escribir practicamente o mesmo.

  8. pedro said:

    He visto varios comentarios en esta entrada hablando de los eucaliptos y llamándolos feismo. Llevan en nuestros paisajes mas de 150 años (cosas mas modernas ya las “hacemos nuestras”) y son una fuente de riqueza importante para el país.
    Los que saben del tema, dicen que es una madera muy buena que resiste muy bien el ataque de hongos y que, como nos ocurre siempre en Galicia (que denostamos lo nuestro) se vende como Roble de Tasmania en ciertos sitios (ah!, entonces si es de Tasmania es bueno).
    Obviamente el crecimiento rapido de estas especies, su resistencia y su poca selectivo del suelo que necesitan ha ido “empujando” a otras especies. No nos engañemos, también porque estas son mas rentables, y parte de nuestro rural vive de ellas. Es facil criticar el árbol desde la Rua del Horreo en Santiago. Id a Ortigueira, Monforte o Boimorto y ved lo que piensa la gente.
    Por cierto, consume mucha agua porque crece muy rápido. Pero el ratio madera generada/agua consumida es inferior que el de otros arboles.

  9. Kiko said:

    Muy bien,estupendo,me parece genial,estoy en una zona pobre de Andalucía y todas las casas son armónicas,del mismo tono,recebadas,cuidadas y con un gusto amable con el paisaje,es una zona azotada por el paro.No he visto casas a medio hacer. No es cuestión de ser de pueblo o de ciudad, hay planes y respeto sea en la ciudad o en el pueblo

  10. CB said:

    Pódesme dicir qué ten que ver una aberración urbanística co arquitecto que fai a casa? O arquitecto que executa o edificio correspondente a cada parcela fai o que lle mandan, que no 99,9% dos casos é empregar o 100% de edificabilidade que lle asigna o plan. E o plan é feito e aprobado polos políticos que gobernen nese lugar. Polo tanto se os plans permiten construír bloques de 10 alturas a carón de casas de 2 é culpa do conxunto da cidadanía do municipio. Cando votan que se preocupen de saber qué é o que propón cada partido… e por certo, ben que o saben, porque os vecinos son os primeiros en querer que lles califiquen o monte como urbanizable… falas da rentabilidade dos eucaliptos?? o ladrillo era máis rentable, e mira o que pasou por eso. Cando a cidadanía é coherente e sabe o que quere, saen cousas coma as de Oleiros, Allariz ou Santiago. Os arquitectos que constrúen nesas fermosoas vilas son os mesmos que os da casa que tes neste post. A diferencia é o plan.
    E non hai motivos para que vos sintades feridos co de nostálxicos de breogán ou hipócritas, cando aquí se está a criticar o traballo de profesionais con anos e anos de estudos e complicacións para poder construír edificios de interese e que permitan avanzar a arquitectura. Pero supoño que é máis popular culpar a o señor arquitecto que fai unha casa de formigón que culpar ao paisano que vende a súa terra a Fadesa para levantar bloques.
    E o eucalipto, insisto, é a madeira máis rentable que existe… pois claro! pero non entendiches o problema, e é que acaba coa flora e fauna autóctona. ter todo o monte galego con eucalipto é un atentado ecolóxico, pero quen non o vai querer plantar cos cartos que da?. E sí, leva 150 anos. E as avispas asiáticas dentro de 150 anos levarán 150 anos aquí, e o chapapote levará 150 anos asuí.. e? a madeira de eucalipto é de paupérrima calidade para construír. Se vas polo campus da Zapateira, na Coruña, mira o edifico do cluster da madeira que fixeron fai 3 anos no parking da facultade de arquitectura.. leva 2 pechado e apuntalado porque a madeira (de eucalipto) lle cae a cachos.

Comments are closed.

Top