Feísmos II. Non nos entenden, non

davila250712b
Luis Davila | O bichero | 2012

Perante este estado de urxencia estética cociñado dende Sabón, a administración actúa coa velocidade que lle caracteriza, e promulga unha modificación da Lei do Solo, 12 anos máis tarde de que o termo “feísmo” chegara ás nosas vidas. Na prensa aparecen grandes titulares como: “La nueva ley del suelo erradicará construcciones inacabadas, luchará contra el feísmo y promoverá la habitabilidad ou o ameazante “A Lei do Solo obrigará a rematar o exterior das vivendas con multas de ata 25.000 euros”. Hai que recordar que a lei actual xa prevé multas ás vivendas sen rematar, e non se aplicaba, coa nova lei o valor das multas multiplícase por 3. O presidente da Xunta declarou na rolda de prensa: “Las obras pueden quedar inacabadas por dificultades económicas (…) antes de empezar a dividir por dentro, primero terminemos lo de fuera (…) fachadas, medianeras y cubiertas deberán estar totalmente finalizadas”. Na Xunta seica pensan as casas ao revés, de fora para dentro. O único que lles importa é a fachada, a superficie. Non lles importa as condicións da vivenda, nin as condicións de vida da xente. Só facha. Quedan na codia, sen entender realmente o que está a suceder. Xa o dicía Pondal:

 

Non nos entenden, non

 

marzo 2014

Campaña institucional en prensa contra o “feísmo” | Marzo 2014

Fai un mes o profesor Fariña publicaba un interesante artigo no seu blog sobre o tema, e deixaba unha reflexión a ter en conta: unha construción no campo non se remata nunca. Esta é a clave para entender parte do conflito. A Xunta entende a vivenda como produto rematado, como obxecto, con forma final, como unha mercadoría lista para vender. Evidentemente un produto ten que estar rematado antes de venderse, son as leis do mercado. Pero o paisano que ten a súa vivenda sen revestir non ten a intención da facer un produto vendible, está a construír a súa casa, o seu fogar. Non ten a súa casa sen revestir por mal gusto ou porque sexa parvo. Simplemente está vivindo na súa casa e facéndoa progresivamente un fogar. E iso faise aos poucos, especialmente cando non se ten cartos ou quérese depender o mínimo posible dos bancos, que como xa se demostrou, non son de fiar. O básico é por o teito e o cerramento para estar protexido do exterior, e logo entrar a vivir. Posteriormente vaise mellorando. Mobiliario, revestila fachada, e se hai parcela: xardín e/ou horta e os anexos (garaxe, churrusqueiro, pendellos…). Así é moitas veces a vivenda de auto-construcción, feita para un mesmo. Moi ligada a vida no rural, onde o traballo no campo se fundía coa forma de vivir, e a arquitectura era reflexo da vida. A vivenda crecía, adaptábase as diferentes situacións co tempo. A vivenda era un proceso. Non remataba nunca. Que esta evidencia haxa que explicala, da mostra do estado de alienación que sofre a administración. Son dúas formas contraposta de entender a vivenda. Fronte á vivenda como produto de consumo, feito por outros para poñelo no mercado. Unha vivenda finalizada e lista para comprar ou vender, o “chalé”. Para a Xunta, a vivenda obxectual é a única “vivenda legal”.

10152445_10203304297468162_648405457_n

Montaxe co aCdC. Elaboración propia

Este lei ten unha alta carga ideolóxica. Son obxecto de multa as casas “sen rematar”, pero facendo un pouco de demagoxia: Seica a Cidade da Cultura quedou sen rematar, vaise impor a Xunta unha multa? Ten toda estrutura á vista, sen revestir, que vergoña! (lease con retranca). E os edificios públicos que quedaron a media facer? E as macro-urbanizacións privadas como a de Costa Miño Golf? Son 1200 vivendas sen rematar, a 25.000 € por vivenda, sáelles a broma en 30 millóns de Euros. Poráselle unha multa?

 

10003999_10203304298788195_403364999_n

Montaxe con Costa Miño Golf . Elaboración propia

Perséguese ao débil polas chafalladas, pero as desfeitas dos poderosos quedan impunes.

 

Parece que só importa rematar as vivendas cando o fai un paisano cunha casa. Porque cando o fai o paisano, pódese ir contra o individuo, é ben fácil, a empresa ten unha responsabilidade limitada. Se definimos os perfís dos posibles multados, dámonos conta do contido clasista da mesma. O infractor tipo será: un individuo, nun espazo rural e con poucos cartos. Paradoxicamente o perfil do delincuente urbanístico que coñecemos todos e outro moi diferente: unha empresa, nun espazo urbano e con grandes capitais. Evidentemente os grandes capitais non cometen este tipo de delitos, as vivendas que se rematan quedan listas para vender, e as que non se rematan, a empresa desapareceu, os traballadores á rúa; e se desaparece a empresa, desaparece o infractor. Ou en último caso, o estado pode rescaltala empresa cos cartos de todos. Mentres que ao paisano niguén o rescata.

 

A prioridade para a Xunta é “antes de empezar a dividir por dentro, primero terminemos lo de fuera”. O presidente da Xunta recórdame ao mariscal Gregorio Potemkin que mandou levantar soamente fachadas pintadas ao paso da comitiva de Catarina II, a Grande, polas baldías terras conquistadas de Crimea. Contedores de vida sen xente, só fachadas, meros escaparates. Escenarios de cartón-pedra, para que os noso gobernantes continúen na fantasía da eterna prosperidade que prometen. Imaxino un futuro de vilas fantasma, para cando veñan a comitiva de Madrid con Felipe VI, el Preparao, a ver a terra conquistada, e lle poida dar os parabéns ao mariscal Feijoo por domesticar aos salvaxes feístas.

 

Pero que non nos enganen, non. Os estado de urxencia que estamos a sofrer agora non é estético. O problema non está no exterior das casas, está no interior. O problema non son as casas sen rematar, son as casas sen xente! Mentres vemos tódolos días desafiuzamentos nos medios de comunicación, fican vivendas con fachada, tellado e ben revestidas: baleiras. Esta si é responsabilidade dos grandes capitais. Seica isto non preocupa á administración. Onde están as leis contra as vivendas sen xente? Contar a especulación? Contra a pobreza enerxética? Contra a desigualdade crecente? Teremos que esperar a un novo neoloxismo, orixinado en Sabón, para que entre na axenda da Xunta os problemas reais do país?. A Xunta non toma medidas, pero goberno español tómaas a súa maneira. Promove a Lei Mordaza que multará con ata 30.000 € por tratar de parar un desafiuzamento ou manifestarse fronte ao congreso, e 600 € por entrar nun banco a protestar. Fronte á demanda de solución, a resposta: represión. Mentres se lles enche a boca coa palabra liberdade e democracia encubren o autoritarismo con lexilación,  e o discurso moralista rancio colle corpo lexislativo. Achican progresivamente os espazos dentro da lei, e todo o que non comulga co réxime é ilegal ou terrorista.

 

O perigoso non é o feísmo, o perigoso é feijoísmo, o rajoísmo, o merkelismo, o obamismo…


Authors

Related posts

Top