Proxecto Arga

Proxecto ARGA 02

Hoxe falamos con Alberta Lorenzo Aspres, cabeza do Proxecto Arga. Un proxecto que nos sorprendeu tanto pola súa estructura coma polo seu formato. Antes de nada vamos introducir á autora:

Alberta é Doutora Arquitecta pola UDC coa tese Intervencións no patrimonio galego para a industria hostaleira (Sobresaliente Cum Laude). Máster en Rehabilitación Arquitectónica. Actividade profesional dirixida cara ao estudo e recuperación das arquitecturas históricas, e recollida en diversas publicacións nacionais. Bolseira pola Deputación da Coruña.Finalista no XV Premio de Investigación do Concello de Pontedeume.

 

¿Cando é de que xeito nace o Proxecto Arga?

A idea de Proxecto ARGA naceu case por casualidade cando estaba a rematar a miña tese de doutoramento. Dende o comezo da miña investigación puiden comprobar como resultaba relativamente fácil obter información sobre unha arquitectura histórica; e de igual maneira tamén resultaba relativamente doado atopar datos sobre unha arquitectura máis contemporánea. A dificultade aparecía ao querer coñecer o proceso que levaba a unha arquitectura deteriorada e obsoleta a converterse nunha arquitectura rehabilitada e en funcionamento.

E hai máis ou menos un ano, reflexionando sobre este feito e sobre a ampla casuística de rehabilitacións existentes en Galicia comenteille a Óscar Paz Cervantes –enxeñeiro informático– as miñas inquietudes. Pedinlle consello sobre as posibilidades e opcións existentes para crear un blog onde dar a coñecer todos eses casos. El entón recomendoume a realización dunha páxina web, e inmediatamente se puxo mans á obra.

 

¿Pretende ser unha plataforma integradora de todos os edificios rehabilitados de Galicia? ¿Cales son os criterios de selección das obras?

Efectivamente Proxecto ARGA pretende recoller todas aquelas arquitecturas rehabilitadas da nosa comunidade autónomacoa fin de dalas a coñecer e poñelas en valor, ademais de explicar o seu proceso de transformación, aquel que as rescatou dun estado de deterioro e abandono e as converteu nunha arquitectura que a través dun novo uso volveu formar parte activa da sociedade.

Á hora de seleccionar as obras que formarán parte desta plataforma cultural o único criterio que seguimos é o de que se levase a cabo unha rehabilitación, entendida esta como a recuperación dun inmoble que se atopaba temporalmente abandonado ou privado da súa funcionalidade, e que mediante a súa reutilización –é dicir, mediante un novo uso– satisfai unhas necesidades actuais.

Proxecto ARGA 01

 A web divide “arquitecturas” de “ruínas” ¿De onde sae esa distinción de proxectos e edificacións e cal é o seu obxectivo?

Somos conscientes de que o abandono dun edificio –histórico ou non– significa a súa ruína, polo que a súa posta en valor permite a súa reintrodución na vida activa da comunidade. Entendemos que o novo uso preséntase como a mellor garantía para a súa supervivencia –sempre que sexa compatible–, entendendo este acto dende a capacidade da edificación de estar viva e de participar na sociedade do momento.

Partindo desta premisa baseamos a distinción de edificacións na nosa web. Así, se en “arquitecturas” incluímos aqueles inmobles que grazas a un novo uso volven formar parte da sociedade, en “ruínas” englobamos aqueles casos que intentan manterse en pé –literalmente– mentres agardan por unha segunda oportunidade.

Certamente o nome de “ruína” pode entenderse no seu carácter metafórico –se cadra un tanto alarmante–, pero que cumpre o seu papel de denuncia e de chamada de atención para poñer de manifesto aquelas arquitecturas que se atopan esquecidas polas administracións e en perigo de desaparición, nun estado de deterioro importante, sometidas ao abandono, esperando unha ocasión –real– para a súa recuperación.

 

 Sabemos que o contido dunha páxina deste tipo é variable no tempo, e que se vai ampliando pouco a pouco. Neste momento nas etiquetas da páxina podemos ver como elementos destacados “hotel” e “vivenda”. ¿Que análise podemos facer de iso?

Do feito de que as etiquetas máis destacadas da nosa páxina web sexan “hotel” e “vivenda” pon de manifesto en primeiro lugar como a industria hoteleira supón a solución máis común en canto á recuperación de edificacións obsoletas, pois podemos atopar exemplos de diversas tipoloxías que na actualidade funcionan como establecementos hoteleiros: conventos, castelos, fábricas e incluso pallozas. En segundo lugar, que a etiqueta de “vivenda” sexa unha das máis predominantes, revela unha nova filosofía de vida, aquela que nos leva a converter a nosa residencia no noso lugar de traballo dando lugar a unha economía baseada en pequenas empresas ou negocios familiares; así atopamos –antigas– vivendas que agora son sedes de oficinas, centros culturais ou casas da cultura.

Ambas circunstancias conflúen cando ambas etiquetas coinciden nunha mesma rehabilitación. Este binomio reflicte un tipo de actuacións que proliferou nos últimos anos en Galicia, favorecido polas numerosas axudas económicas destinadas ao turismo rural, un turismo que experimentou un importante crecemento na nosa comunidade.

Por outra banda, dende o punto de vista da Arquitectura, e simplificando moito este tipo de rehabilitacións, observamos que unha vivenda e un establecemento hoteleiro teñen as mesmas estancias básicas. De feito, un hotel pódese definir perfectamente como unha casa fóra da casa. E a compatibilidade entre ambas funcións –a orixinal e a nova– sempre favorece o cambio de uso, posibilitando unha intervención o máis respectuosa posible coa preexistencia.

 

 ¿Se pensamos no mapa de Galicia, onde crees que se atopa a maior necesidade de rehabilitar? ¿E se pensamos no urbano ou no territorio difuso rural?

En xeral, o camiño percorrido pola teoría e a praxe da rehabilitación en Galicia durante as últimas décadas foi moi positivo. Pasouse dunha teoría case inexistente e unha práctica anticuada e reducida a pequenos círculos a unha actividade normalizada e á existencia dun certo debate. Sen embargo, o reto que ten por diante a intervención sobre o entorno construído é neste momento especialmente complexo.

Se reflexionamos sobre o noso mapa observamos que a necesidade de rehabilitar haina en todos lados: son as demandas e os condicionantes os que varían en función de se nos atopamos nun espazo urbano ou nun entorno rural.

No territorio urbano existe unha maior demanda de servizos derivada dun maior número de usuarios. Por outra banda, a revitalización dos centros históricos supón un grave problema para moitos concellos, que procuran reanimar zonas –e barrios– que en moitos casos chegaron a un estado alarmante de degradación. Restáuranse vivendas, pero requírese a rehabilitación de numerosos espazos para centros de encontro e reactivación da vida urbana.

Pola contra, no entorno rural –de carácter máis disperso–, teremos que ter presente o perigo de despoboación e deberemos condicionar os novos usos ás maiores necesidades na procura dunha revitalización económica e demográfica da zona. Ademais, estas intervencións vense máis condicionadas que as anteriores polo recortado dos seus orzamentos, esixindo un mellor aproveitamento dos recursos existentes.

Pero se cadra as intervencións en ambos territorios poden resumirse a través do factor de identidade. Se nos sentimos identificados con esa arquitectura en perigo de desaparición –sexa histórica ou non–, faremos todo o posible por recuperala e volverlle dar unha nova vida. Neste aspecto, as asociacións culturais e os movementos sociais e xogan un papel importante.

Proxecto ARGA 03

 Non é estraño atopar o Cárcere da Coruña e a Panificadora de Vigo no ámbito das ruínas. ¿Proxecto ARGA pretende sensibilizar e apoiar directamente a estruturas de re-utilización destes espazos?

Independentemente do obxectivo final de ter unha nova función, a posta en valor dunha arquitectura obsoleta depende precisamente da intención de permitir darlle continuidade e en ofrecerlle a oportunidade de que siga formando parte da sociedade do momento.

Como respondiamos nunha pregunta anterior, o feito de incluír na nosa web unha categoría de “ruínas” supón poñer de manifesto unha realidade pouco agradable da nosa herdanza arquitectónica, unha maneira de sensibilizar sobre o lamentable estado no que se atopan algúns dos nosos inmobles máis significativos: basta con ler a prensa acotío para coñecer numerosos casos que se atopan nesta triste situación.

E o feito de incorporar unha edificación a este grupo –caso do Cárcere de A Coruña e da Panificadora de Vigo– supón unha maneira de aportar o noso gran de area á recuperación destas arquitecturas. Sería máis que terrible que exemplos tan emblemáticos e identificativosda nosa historia se perderan por mor da desidia política ou por intereses económicos, sobre todo cando hai colectivos que traballan incansablemente para aportar numerosas ideas e posibles solucións para a súa recuperación.

 

 No proceso de rehabilitación hai sempre unha restauración. Dende o punto de vista do deseño e da adaptación ó novo uso, ¿como consideras que se debe tratar o novo en relación a preexistencia?

A recuperación dunha arquitectura obsoleta, dende o punto de vista da súa rehabilitación, preséntase sempre como unha operación difícil e complexa de realizar, posto que a reconversión de usos abrangue unha serie de características esenciais que se deben respectar para que o Patrimonio –ou a arquitectura herdada– perdure no tempo.

Así entendemos a autenticidade como a pedra angular de tódalas intervencións realizadas nunha preexistencia, como parte fundamental portadora da súa memoria. Pero a pesar de haber un acordo universal respecto a esta idea non existe unanimidade en canto á definición do concepto en si. E consideramos un obxecto como auténtico en canto porta sobre si mesmo tanto os signos físicos da súa propia orixe –e ata aquí coincidiría co orixinario–, como aqueles do proceso, máis ou menos intenso pero inevitable, que sufriu co paso tempo.

A autenticidade depende do deseño, dos materiais, das técnicas construtivas e da contorna; e a súa conservación vai ligada ás solucións adoptadas durante a intervención no monumento e á reversibilidade das mesmas.

Para unha mellor comprensión destes conceptos poñemos sempre o mesmo exemplo: Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín, Ourense). A solución do muro cortina realizada para substituír ao desaparecido lenzo do Claustro Grande non gozou dunha gran acollida nun primeiro momento. Sen embargo, tratábase dunha actuación que seguía fielmente uns criterios de reversibilidade ademais de non supoñer dano algún para a preexistencia. A solución final devolveu ao conxunto a harmonía das súas proporcións e permitiu unha correcta lectura espacial evidenciando a distinción eficaz entre o novo e o preexistente. A actuación realizada en ningún momento mentiu sobre a autenticidade da intervención nin sobre a conservación da preexistencia, a cal se identifica perfectamente.

Devandita reversibilidade permite ademais manter a identidade do inmoble rehabilitado, é dicir, respecta eses lazos emocionais que nos conectan coa memoria, coa capacidade de recoñecer o noso pasado e a nosa historia a través do edificio, xogando un papel crucial nunha intervención. A través da súa conservación insístese no carácter social da arquitectura herdada para estar en contacto con parte do noso tempo e da nosa cultura.

 

 ¿Que rol desenvolven as administracións en relación coa recuperación do Patrimonio? ¿É axeitada a normativa que condiciona os proxectos de rehabilitación?

A situación de crise económica eliminou as grandes partidas orzamentarias dedicadas á intervención no Patrimonio, e os –a todas luces– escasos traballos de recuperación de arquitecturas históricas realizados polas administracións galegas acabaron sendo eclipsados –paradoxalmente– pola súa mala administración.

¿Como se poden investir 300.000 euros nun vídeo-clip para promocionar o turismo cando hai igrexas que levan máis de catro anos pechadas por non poder reparar o impacto dun raio? ¿Como se poden investir 200.000 euros na ‘ornamentación’ dunha rotonda mentres se negan a actuar para evitar a ruína dun ben de interese cultural? ¿Como se pretenden investir máis de 2 millóns de euros en converter un monumento nacional en establecemento hoteleiro cando as condicións da cesión o contradín e a douscentos metros hai outro hotel da mesma empresa que está máis da metade do ano pechado?

No referente á normativa que condiciona os proxectos de rehabilitación –independentemente do grado de protección da arquitectura a intervir–, como a supoñemos de igual cumprimento para todos, non cremos que a cuestión sexa se é axeitada ou non. Entendemos que á hora de actuar o que debe condicionarnos máis que unha lexislación deben ser factores como o respecto e a responsabilidade cara ao que herdamos, cara ao noso traballo –como arquitectos–, cara ao noso legado –como individuos–…

Se cadra esta sociedade aínda non é consciente de ter nas súas mans un testemuño –pétreo– doutra época ao que se debe coidar e respectar. Se destruímos o noso pasado, imposibilitaremos o noso futuro.

 

Chegados ó caso dunha catalogación completa, ¿que será do Proxecto ARGA?

Resulta difícil ver a tan longo prazo.

Oxalá se chegue a unha catalogación completa das Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia. Dende o punto de vista desta plataforma cultural como inventario e base de datos, a súa finalización suporía que o obxectivo de ter un lugar único de consulta deste tipo de intervencións estaría totalmente conseguido. Sen embargo, este feito querería dicir que se remataron as actuacións de rehabilitación en Galicia.

Así que esperamos que Proxecto ARGA estea sempre en construción, pois o noso principal desexo é seguir crecendo.

 

Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia  http://www.proxectoarga.com

Authors
Top