Camiños Seguros: Actualizamos o territorio?

AG_caminhos_seguros_00

O pasado 5 de agosto pechaba a exposición “Camiños Seguros: Actualizamos o territorio?” que durante unha semana permaneceu aberta en Cangas. A exposición estudaba os cambios acontecidos sobre o territorio da península do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) durante os últimos 160 anos e establecía 2 hipóteses sobre o futuro. Se non tivéchedes a sorte de poder achegarvos, debido ao éxito desta, é probable que percorra outros puntos da península.

A iniciativa partiu do Estudio rurban, un equipo que coñece ben a comarca, especializado en urbanismo e participación cidadá. Mediante a ferramenta dos mapas tratan de achegar a un público maioritario o complexo proceso evolutivo do territorio morracense. Catro mapas ordenados cronoloxicamente marcan as etapas representativas do proceso: 1850, 1956, 1985 e 2008. Un primeiro mapa, de finais do século XIX, mostra un territorio rural cunha pequena industria e pequenos núcleos urbanos. O 56 marca o fin do mundo rural activo, o comezo do desenvolvemento urbano e do crecemento da industria. O mapa do 85 é o dun territorio urbanizado onde o vehículo privado fíxose dono do vairio e a economía mudou cara o sector servizos. E a imaxe final, data da explosión da burbulla inmobiliaria, mostra o territorio no que vivimos na actualidade. Acompañan aos mapas unha serie de gráficos analíticos que axudan a entender e comparar as 4 etapas. A análise serve ao estudio para imaxinar 2 escenarios posibles. Un Morrazo futuro A e un Morrazo futuro B. O camiño A: é o camiño da deriva no mesmo tipo de relacións co territorio, gran consumo de solo e inversións irreflexivas. Un camiño pouco esperanzador. E unha alternativa: un Morrazo Futuro B, onde a cidadanía e os seus representantes tomen conciencia de que hai outras maneiras de vivir o territorio. E non é que sexa posible… e que é necesaria.

AG_caminhos_seguros._01caminhosseguros.com

Esta exposición enmárcase dentro dun proxecto máis ambicioso: Os camiños seguros do Morrazo. Unha forma de re-pensar a mobilidade e as relacións co medio. Como mostra a exposición, a colonización progresiva do coche de tódolos ámbitos da vida provoca problemas ambientas, de seguridade e de xestión pública do territorio. Pero non consiste en declarar ao coche inimigo, se non de entender que a mobilidade non pode ser monopolizada por un único elemento. Hai que asumir todas as formas de mobilidade e integralas: A pe, en bicicleta, en bus, en barco, en tren ou coche. E como parte fundamentar deste novo escenario estarían os Camiños Seguros, vías que aproveitan os antigos trazados dos camiños reais e partes das novas estradas, para potenciar unha rede onde o peón e o ciclista sexan protagonistas. Vías eficientes e de costas suaves que conectan as principais poboacións da península, ofrecendo unha alternativa real ao coche. E esta rede sería a vertebradora do territorio para que os comercios e os equipamentos sexan accesibles a toda a poboación sen depender do coche. Especialmente dirixido aos sectores máis vulnerables, nenos e anciáns, que lles proporcioanaría autononía.

AG_caminhos_seguros._02facebook.com/caminhosseguros

Se queres facerte cun mapa para recorrer os camiños seguros e descubrir moitos dos tesouros ocultos do Morrazo, o estudio puxo en venda un mapa co que se financian exposicións como esta. Eu xa teño o meu.

Authors

Related posts

Top