Ata o 10 de xaneiro poderedes visitar en Pontevedra a exposición: “Somos espazo: simbioses entre arte e arquitectura”. Na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral, recolle diversos traballos de artistas e arquitectos en diálogo.
Inaugurase o 4 de decembro con motivo do Culturgal 2015. Explórase a estreita liña que separa a disciplina da arquitectura coa “arte pura”. Dende a escultura, a fotografía, a pintura ou o debuxo reflexionanase sobre a arquitectura e o espazo con 22 propostas.
“Aínda que arte e arquitectura sempre discorreron preto ao longo dos séculos, a problemática da función sempre supuxo unha incisión nesta relación ambigua. Coa entrada no século XX, esta brecha foise volvendo cada vez máis sinuosa e moitos eran os arquitectos que deseñaban unhas estruturas que bebían das formas escultóricas e incluso perdían a supeditación a unha función concreta” sinalan os comisarios.
Participan: Mónica Alonso, Inge Álvarez, Pedro Bueno, Román Corbato, Javier Fdez. Pérez de Lis, Rosa García, Xulio Gil, Carmen Hermo, Víctor Hermo, Paula Mariño, Ignacio Pérez Jofre, César Portela, María Prada, Toño Mejuto, Rosa Neutro, Carme Nogueira, Ventura A. Pérez Suárez, Jorge Perianes, Yolanda Ríos, Olalla Sendón, Laureano Vidal e Taller Abierto
Fotografías: iago valverde