| | «Na ordenación reticular das Fontiñas, nunha das pezas cadradas, delimitadas por rúas paralelas e perpendiculares, Carlos Meijide, proxectou a Escola Galega de Administración Pública. Este edificio é un severo prisma, forrado de pedra calcaria, con cuberta plana, a penas animado polos ocos delimitados por carpintería metálica de cor gris escura e algunha pasarela da mesma cor, que serve ao seu mentemento e limpeza. No centro do edificio ábrese un patio cadrado, como se se tratase dun sobrio espacio conventual. O peche cara a este patio, unha tensa pel de vidrio, permite entender o funcionamento do edificio, que se revela tan rico e complexo desde este baleiro interior, como hermético e compacto dende o exterior. Dende o patio interior, descóbrese a verdadeira natureza do complexo, en realidade trátase de catro edificio concibidos, cada un deles, coma un prisma, que se van colocando ata formar as catro fachadas do conxunto. Así, o corpo oeste está destinado as tarefas administrativas do centro, cun despece complexo de despachos e espacios de traballo. A zona sur alberga os espacios singulares, como a sala de exposicións ou a biblioteca e o salón de actos, estes dous últimos dispostos a dobre altura. No corpo leste sitúanse as aulas e seminarios, cun xeneroso espacio de relacion paralelo á pel de vidrio aberta ao patio. Por último, o volume norte está dedicado á residencia de estudiantes, cos dormitorio, comedores e espacios de estar. Todo esta clara orde funcional, unha vez visualizada desde o patio, permite entender as sutís diferencia de ocos nas sobrias fachadas exteriores que desde ese momento adquiren outro significado». Fernando Agrasar. |