Premios Xoana de Vega 2013

 

Primeiro Premio

 

Accésits

 

Finalistas

 

 

 

 

Acta do X Premio Juana de Vega de Aquitectura

«Oleiros, 29 de agosto de 2013

Asistentes:

PresidenteAntonio Maroño Cal
SecretariaIsabel Aguirre de Urcola
VocaisGonçalo ByrneEnrique Sáez PonteFernando Agrasar QuirogaManuel Caamaño SuárezSalvador Fraga Rivas

Francisco Xavier Seoane Rivas

O día 28 de agosto de 2013 reúnese o xurado do Premio Juana de Vega de Arquitectura, formado polas persoas relacionadas no encabezado, para fallar a décima edición do premio. A reunión ten lugar entre as 22:30 e as 24:00 horas nunha cafetería sita no Polígono do Ceao (Lugo).

En sesión previa, celebrada o 5 de xullo, o xurado fixera unha primeira selección entre as 21 obras presentadas. Despois da escolma, ficaron 6 traballos que se visitaron o mesmo día no que se fallou o premio. Tras unha ampla deliberación, o xurado tomou por unanimidade os seguintes acordos:

  1. Conceder o Premio Juana de Vega de Arquitectura, na súa décima edición, á vivenda situada en Redonda (Corcubión) da que son autores Juan Creus e Covadonga Carrasco. Un proxecto maduro que consigue integrar moi ben un edificio novo no espazo dunha edificación preexistente, respectando o volume e a fachada orixinais e a harmonía do conxunto de casa, terreo e edificacións auxiliares. Compre destacar varios aspectos: (1) a galería posterior en mármore, que substitúe a do volume orixinal, que ofrece solucións axeitadas á distribución dos usos e abre espazos interiores á espléndida paisaxe sobre o Cabo Fisterra, (2) a sutil eficacia coa que funcionan os patios e terrazas situados a ambos lados da casa que facilitan os accesos e circulacións e relacionan con naturalidade co seu contorno de horta e xardíns que descenden ata o mar e (3) a inclusión de elementos preexistentes, -hórreo, muros- coidando o seu valor histórico e aproveitando as posibilidades de uso da casiño do xardín. Un coidado que tamén se aprecia no deseño da escaleira, mobiliario e elementos decorativos interiores e na facha principal, que, tendo unha linguaxe popular, non renuncia a unha personalidade especial nos elementos decorativos.
  2. Conceder un accésit a cada unha das seguintes vivendas:
    1. Casa unifamiliar sita na Urbanización Pazo de Ramirás 61 (Ourense) do arquitecto Manuel Jorreto. Trátase dunha obra nova, con vistas ao Miño, que combina moi ben unha presenza plástica poderosa cun uso racional dos espazos interiores da vivenda, limpa e ben distribuída. Un paralelepípedo alargado encaixado entre un estreito xardín interior, situado entre a vivenda e o muro de contención do formigón, e a poderosa vista exterior sobre o val e o río. Os sistemas de peche das superficies cristaleiras permiten aos habitantes da casa seleccionar varios ambientes, entre a total apertura e o recollemento presidido polos pequenos pradairos do xardín interior. A auga da piscina, sobre a cuberta e aos lados da pérgola de entrada é tamén un elemento construtivo máis, que dialoga co formigón, vidro e aceiro.
    2. Casa en lugar de Portanova, Coeses (Lugo) do arquitecto Emilio Rodríguez. Conflúen nela dous usos: vivenda e obradoiro para os seus ocupantes que se dedican ás artes plásticas. O edificio ocupa o espazo dunha casa rural integrada nunha aldea de gran valor etnográfico e, nese senso, colabora a dar nova vidas a estes lugares que están sendo abandonados. O proxecto resolve ben os usos previstos polos propietarios (dotando de luz cenital ao obradoiro, por exemplo) e combina a recuperación dos muros de pedra da finca, cunha construción de formigón recuberta dunha fachada transventilada de madeira de alerce, que vai adquirindo un cor gris característico e harmoniza cos muros de laxas de xisto. A eficacia enerxética da obra complétase co deseño de ocos pequenos ao norte e apertura de fiestras amplas ao pequeno xardín situado a mediodía.
  3. Resaltar como obras de interese especial dúas vivendas que non entraron no apartado premios. Ambas as dúas teñen en común o uso de materiais que se empregan nas respectivas comarcas para outras funcións:
    1. Vivenda unifamiliar en A Ribeiriña (Pobra do Caramiñal) do arquitecto Iñaki Leite. Unha construción aberta ao mar, limitada por un solar pequeno e con forte gradiente, que dificulta a consecución dos diversos obxectivos da obra. É un proxecto de calidade que destaca especialmente polo uso de madeira reciclada proveniente das bateas de mexillón que poboan a ría veciña e pola eficacia do tratamento enerxético.
    2. Casa en Tebra (Tomiño) dos arquitectos Guadalupe Piñera e Jesús Irisarri. Edificio singular polo elegante deseño da planta baixa e a integración dos muros de pedra dunha casa preexistente, que complican algo a resolución dos espazos interiores. Resulta destacable o emprego de diversas capas de materiais que envolven a casa, e dan pé a xogos de luces e temperatura que se adaptan ao clima. Salienta unha cortina envolvente exterior, unha saia que se axita co vento, feita de aluminio, que emparenta coas que se usan nos invernadoiros da zona.

Por último, o xurado quere subliñar que, durante a década que leva existindo o premio, obsérvase unha continua mellora das solucións empregadas para crear vivendas unifamiliares o que reflicte o esforzo dos arquitectos para ofrecer solucións de deseño moderno, adaptadas a realidade de cada caso -incluído en moitos casos o respecto a edificacións preexistentes-, pero tamén a evolución das pautas sociais que fan que os promotores das casas conecten a cotío coas novas tendencias da arquitectura galega. Nesta confluencia está a clave de que, a pesares da crise do sector construción, o número de obras presentadas ao premio se manteña alto e que a tarefa do xurado para tomar decisións sexa, de cada volta, máis complicada pola alta calidade dos traballos.»

*

Top