12345 (1 votos, promedio: 2,00 de 5)
Cargando...

Reforma e ampliación de vivenda en Mondariz Balneario

bunker reduc

Obra:Reforma e ampliación de vivenda en Mondariz Balneario
Arquitecto:LIQE arquitectura
Provincia:Pontevedra
Localidade:Mondariz Balneario
Ano:2011
Xeolocalización:42.227266%2C-8.470601
Outros Datos:
Premios:
Publicacións:
 el Faro de Vigo
Información na rede:
http://www.liqe.es
Planos
Reportaxe fotográficaLIQE arquitectura
Descripción do Proxecto
 Unha vivenda compacta e encerrada en si mesma. Unha parcela en socalcos, apegada ao río, na que se a casa ocupou o lugar máis elevado, e máis soleado. Unha escavación parcial, coa casa asentada na rocha, a diversos niveis.Ante a petición de mellorar as condicións habitables e espaciais da vivenda, de superficie reducida, elíxese ocupar parte do xardín superior da parcela, o máis habitable e vinculado á vivenda, cunha peza que delimite un espazo de vida que xa existía.Unha ampliación que se vincula puntualmente e cun lixeiro xesto á edificación existente, buscando o seu lugar preciso mediante unha disposición quebrada. Unha envolvente protectora que se fai permeable selectivamente, permitindo á vez habitar o xardín e protexerse da proximidade da rúa.A nova peza desapégase da edificación principal xerando un pequeno patio – solaina que fai de transición entre o exterior e a vivenda, incidindo na diferenza entre espazos de día e espazos de noite a través da propia apertura destes últimos á finca.
Na parte posterior, e xogando coa zona de acceso oposta, aparece outra terraza exterior, que busca o río voando sobre a rocha que configuraba o socalco principal, e na que a varanda desaparece convertida en cables de aceiro.
A madeira de piñeiro roxo envolve, coma un lique, toda a vivenda, unificando o existente co ampliado: ascende dende o garaxe recubrindo a pedra, as escaleiras e o balcón. Esténdese sobre o xardín, colonizándoo. Ascende polas paredes do corpo ampliado, converténdose en contras que salientan a ocupación estival da casa. Cobre o acceso, adentrando ao usuario no interior. E salpica finalmente todas as fiestras da vivenda existente, renovándoa e unificando a proposta.
Como premisa fundamental na reforma interior: o máximo aproveitamento do existente, todo aquel elemento válido para a súa función, consérvase. A escala da vivenda existente non discorda co entorno, polo que non se considerou preciso modificar o seu contorno exterior, que se respecta incluso mantendo a cuberta orixinal, que se conservaba en bo estado.Os cuartos conservan a súa disposición salvo modificacións puntuais, aportándolles espazo de almacenaxe nas propias divisións. Unha lixeira modificación no distribuidor e no acceso ao mesmo, permite axustar a súa dimensión, mellorar a comunicación e independizar a área privada da vivenda.
Igual que ocorre no exterior, sobre os espazos brancos do interior esténdese a cor e a textura da madeira, neste caso de castiñeira aceitada; nacendo do distribuidor, onde é a protagonista, recubrindo as paredes de forma fixa e móbil ou desapegándose delas xerando mobiliario.A cociña, que conserva o seu emprazamento, mantén a súa vocación de espazo fundamental e centro de vida da vivenda: era o punto de acceso ao xardín, lugar de paso obrigado e na práctica o vestíbulo da vivenda; agora é o lugar de comunicación principal, que se pechará unicamente nos momentos precisos.Saliéntase o contraste imposto pola limitada normativa de materiais do Concello de Mondariz Balneario: fachadas exclusivamente de pedra (salvo as existentes, que se poden conservar), carpinterías de madeira ou cores branca ou verde, e cuberta de tella.Empréganse grandes contras de madeira que, abertas, se converten en fachada de madeira. Márcase con radicalidade a carpintería branca, xogando co volume orixinal e aproveitando o seu contraste coa madeira; en especial nas fiestras orixinais, nas que se emprega un recercado mixto de madeira e aluminio.Aplícase granito gris Mondariz en aplacado vertical, xogando coas táboas de madeira, nunha gran rocha tallada, que contrasta nas quebras da súa xeometría coa convencionalidade da vivenda existente.

A cuberta tállase igualmente, apertándose ao máximo sobre o comedor, e cun lixeiro xesto de inclinación de cara a cuberta orixinal. Estas pendentes reducidas, levan ao emprego dunha cuberta invertida con protección de tella machucada, que favorece a integración da edificación no ambiente do núcleo.
Na cuberta existente, substitúese o canlón actual por un máis discreto de aluminio de cor branca, que remarca a xeometría da mesma, modernizando a súa imaxe.
No interior, consérvase a tarima de eucalipto existente, na medida do posible, mantendo o criterio de máxima conservación. O terrazo substitúese por formigón pulido, que unifica os espazos de húmidos e de día, ademáis de aparecer no garaxe, onde se xera un cuarto de servizo independizado con u-glass do resto do mesmo.

Authors
12345 (1 votos, promedio: 2,00 de 5)
Cargando...

Related posts

*

Top