| | Se un entende a cosa non como una única edificación senón como un conxunto de pequenas edificacións nas que se desenvolve a actividade diaria dunha familia, un acubillo nun territorio que se amosa omnipresente e no que un se protexe sen illarse del, o movemento pasa a ser fundamental á hora de vivi-los espazos que cada unha das edificacións encerra e os que resulta da súa agregación. A presenza deste ‘tránsito’ dentro dunha casa foi o que intentou capturar dentro desta construción: estar fora dunha estancia asociada a un corpo pero dentro de algo que ten unha entidade superior e que xorde da agregación doutras pequenas edificacións, ese estar no ‘rueiro’ interior polo que hai que pasar, é a razón de ser dente proxecto. A casa compóñena catro corpos independentes baixo unha cuberta. Os catro dispóñense segundo dúas direccións, deixando entre eles un espazo polo que se transita; tres pasarelas permiten comunicación a nivel de planta alta e o muro de pedra, que abandona os límites da propiedade vindo cara ó interior, sérvelle de apoio. |